Sunday 05 de May de 2024

A Xunta incrementa en máis de 226.000 euros as subvencións do fondo de compensación ambiental


Ao abeiro da Orde, a Vicepresidencia destinará axudas por un importe de case 9 millóns de euros para desenvolver proxectos relacionados coa recuperación medioambiental do territorio galego

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago compareceu en rolda de prensa onde informou que o goberno galego, tal e como publica o DOG na súa edición de hoxe, incrementa en 226.000 euros as axudas do Fondo de Compensación Ambiental 2015.

Segundo explicou o director xeral, as axudas alcanzan os 8,9 millóns de euros para 110 concellos destinados a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación medioambiental do territorio galego, en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, as melloras no abastecemento dos subministro de auga potable, a eficiencia enerxética, a recuperación de espazos naturais ou a dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións. Cúmprese deste xeito, a finalidade prevista na creación do canon eólico e do Fondo de Compensación ambiental coas que se pretendía que o impacto ambiental e paisaxístico producido polo aproveitamento de enerxía eólica redundara en melloras ambientais para o conxunto do territorio do noso país.

Ademais, no presente ano, incrementouse un 20 por cento o orzamento máximo dos proxectos de xestión compartida pasando de 100.000 a 120.000 euros, e por primeira vez, resultou posible compatibilizar unha solicitude conxunta cunha solicitude individual. Deste xeito preténdese fomentar o crecemento de proxectos realmente comúns sen necesidade de renunciar a atender as necesidades específicas de cada concello. Con isto perseguimos aumentar a calidade dos proxectos de xestión común. O director xeral destacou tamén que por primeira ocasión, Oza-Cesuras tivo a posibilidade de presentar un proxecto por contía máxima de 120.000 euros, equivalente a unha solicitude conxunta, como consecuencia da vontade do executivo galego de primar e incentivar aos concellos resultantes de fusión voluntarias.

Así, a distribución territorial desas solicitudes corresponde a 16 proxectos na provincia da Coruña por 800.791 euros; 18 proxectos na provincia de Lugo por 483.033 euros; na provincia de Ourense, 25 proxectos por un importe de 729.065 euros e na provincia de Pontevedra foron beneficiados un total de 11 proxectos con 309.180 euros.

Solicitudes de xestión compartida.
A Xunta está a implementar medidas dirixidas a incentivar a colaboración entre concellos mediante a xestión compartida de proxectos, por entender que esta modalidade propicia unha mellor distribución e aproveitamento dos recursos económicos. En relación a esta modalidade de xestión compartida, debemos sinalar que recibíronse un total de 34 solicitudes, das que resultaron inadmitidas 11, por incumprimento das bases establecidas na orde. Das 22 que completaron con éxito a súa tramitación resultaron beneficiarias todas elas. Esas 22 solicitudes agrupan a 72 concellos galegos.

Tipoloxía solicitudes
Pazos Couñago detallou a tipoloxía das solicitudes, das que 17 son actuacións relacionadas co ciclo do auga (12 saneamento/5 abastecemento) seguidas das encamiñadas a mellora da eficiencia enerxética, materia que foi obxeto de 16 solicitudes, e destacou as 10 solicitudes de creación de distintas brigadas de carácter medioambiental, que ademais de mellorar a vixiancia da nosa contorna natural ou a prevención de incendios forestais, son proxectos xeneradores de emprego. Ademais da recuperación de espazos naturais degradados, das melloras nos servizos de recollida e tratamento de Residuos Sólidos Urbáns, Puntos limpos, vehículos de distinta natureza, entre outros.